"O creativo non é o que imaxina, senón o que fai imaxinar" Santiago Rodríguez.

luns, 13 de abril de 2015

Xelado e tesoiras

Hai moitas versións en internet da fundiña das tesoiras de costura con forma de xelado. Esta é a miña versión para unhas tesoiras pequeniñas de bordado. 

Fixen o patrón do cucurucho nunha cartulina e cortei catro partes, para facela gordiña, xa que este feltro é bastante fino. Logo cortei a bola do xelado (dúas bolas), que é unha simple circunferencia, e a gotiña do xelado que cae polo cucurucho. De ter un feltro gordiño só se precisarían dous curucuchos e unha bola, xa que o feito de facelo por duplicado é só para reforzar.

Primeiro xuntei as dúas partes do cucurucho que se ven na parte frontal, e xunteinas entre si acolchándoas con puntadas para darlle o xeito dos cadradiños dos cucuruchos. Fun facendo puntadas en diagonal a un sentido e a outro, cruzándoas. Despois engadinlle a gotiña do xelado, coséndoa a festón con fío multicor.

Agora vamos coa boliña do xelado... Nunha boliña, co fío de bordar multicor fixen unhas puntadas imitando ás boliñas de anís que teñen algúns xelados. Logo cosinlle os tres pompóns nun extremo. Seguidamente, unín as dúas bolas a festón co mesmo fío multicor. Finalmente, collín as dúas pezas traseiras do cucurucho e entre as dúas metín a parte inferior da bola, e unino con festón.

Tendo as dúas partes listas por separado só queda unilas, entón cosemos as dúas partes do cucurucho, a traseira e a dianteira con festón, e tamén a boca por onde entran as tesoiras.






Ningún comentario:

Publicar un comentario

Comentarios: